viernes, 17 de febrero de 2012

Imaxes da derradeira xornada de EficienTIC 2012



Vémonos na seguinte cita coa ciencia e a tecnoloxía!


EficienTIC pecha coa participación de 800 estudantes





Coa participación duns 100 estudantes de secundaria e bacharelato en cada xornada, EficienTIC foi a primeira colaboración entre as entidades GRADIANT, ENERGYLAB e CITEXVI

As actividades foron gratuítas para os centros e contaban coa cofinanciación da FECYT (Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía)


"Estamos moi satisfeitos co resultado. Os rapaces mostráronse moi motivados e participativos e os profesores transmitíronnos que os contidos dos obradoiros foron moi axeitados", declara a organización


Onte pola mañá, 100 estudantes de dous centros de Vigo acudiron á derradeira xornada de EficienTIC 2012. O conxunto de obradoiros que compoñen a iniciativa desenvolvéronse ao longo de oito xornadas nas instalacións que os centros tecnolóxicos GRADIANT e ENERGYLAB teñen no edificio CITEXVI e nas salas e zonas común do propio edificio.
As actividades estaban centradas na concienciación sobre o uso eficiente da tecnoloxía, así como en utilizar a propia tecnoloxía para coidar o medio ambiente. Así, os estudantes comprobaron como co illamento adecuado nunha vivenda se evitan perdas de enerxía innecesarias, como poden aforrar con un correcto uso do seu ordenador, viron cos seus propios ollos a evolución dos teléfonos móbiles, aprenderon, como funciona unha pila de hidróxeno, como acender unha radio aproveitando o calor que desprende unha candea ou como aplicar o recoñecemento facial á eficiencia enerxética e competiron entre si nun Scalextric movido polas súas propias pedaladas.


Os obradoiros

Mais o Scalextric non era a único exemplo práctico. De cara a facer máis visibles os efectos e os procesos que se explicaban, utilizáronse diferentes recursos. Explicáronse os métodos e as aplicacións creadas en GRADIANT de recoñecemento biométrico, enfocaron unha parede que imitaba unha vivenda cunha cámara termográfica, aínda que preferían enfocarse a si mesmos e ver como a roupa presentaba unha temperatura moi inferior á súa pel. A eficiencia das diferentes luminarias foi comprobada nun panel cun medidor de consumo, que tiña bombillas e tubos de distinto tipo. Tamén puideron observar un sistema de hidróxeno a pequena escala. Grazas á luz dunha lámpada, xerouse enerxía en pequenos paneis fotovoltaicos que permitían obter a electricidade necesaria para a xeración de hidróxeno a partir de auga, hidróxeno que movía á súa vez un ventilador.
Outro concepto que era novo para os estudantes é o chamado energy harvesting ou recolección de enerxía, que é o proceso mediante o cal un dispositivo é capaz de aproveitar a enerxía residual presente no ambiente (neste caso unha candea) para producir enerxía eléctrica que pode ser almacenada ou utilizada para alimentar sistemas de baixo consumo. Neste caso, aproveitábase a calor producida por unha candea para acender un LED e unha radio. Esta demostración provocou que os alumnos preguntasen incansables cómo facer o prototipo no seu instituto e nas súas casas para "cargar o móbil en caso de necesidade".
Unha charla introductoria ás actividades, unha exposición de móbiles "antigos", unha visita ao edificio CITEXVI e unha charla sobre o uso eficiente do seu ordenador personal completaban a visita.
Os encargados de planificar e dirixir tódolos obradoiros foron investigadores de GRADIANT e de ENERGYLAB, que por uns días cambiaron o seu vocabulario técnico por explicacións sinxelas e demostrativas, para conseguir chegar aos rapaces.


Doble obxectivo: alentando vocacións

Con este tipo de iniciativas, conséguese que ademais de desenvolver os propios obradoiros, os rapaces entren en contacto cos enxeñeiros, cos investigadores dos propios centros, e teñan a oportunidade de facerlles tódalas preguntas que podan xurdir e de aclarar as súas dúbidas sobre as carreiras técnicas. Moitos dos visitantes comentaron cos investigadores as súas preferencias polas enxeñarías e estes explicáronlles as diferentes saídas e os coñecementos que proporciona cada carreira.


EficienTIC en cifras
  • Total de estudantes: 800 estudantes pasaron por EficienTIC
  • Cada día, 100 estudantes, xeralmente coincidindo dous centros diferentes
  • Celebráronse un total de 8 xornadas, repartidas en 4 semanas
  • Os estudantes eran de 15 centros diferentes: IES Primeiro de marzo (Baiona), IES Carlos Casares (Vigo), CPR Divino Maestro (Ourense), IES A Guía (Vigo), IES Francisco Sánchez (Tui), IES San Tomé de Freixeiro (Vigo), IES María Casares (Oleiros), IES María Soliño (Cangas), IES Pontecaldelas (Pontecaldelas), IES Alexandre Bóveda (Vigo), IES República do Uruguai (Vigo), IES San Paio (Tui), Apóstolo Santiago (Vigo), IES Valadares (Vigo), Colexio Quiñones de León (Vigo)

martes, 14 de febrero de 2012

Outros 100 alumnos visitan EficienTIC



Na penúltima xornada de EficienTIC recibimos a visita de 100 alumnos, de centros de Vigo e de Tui.
Aquí tedes as imaxes de hoxe!


jueves, 9 de febrero de 2012

100 estudantes de Vigo visitaron hoxe EficienTC



Esta mañá, cen rapaces dos centro vigueses IES Alexandre Bóveda e IES República do Uruguai visitaron as actividades de EficienTIC.
Unha xornada máis desfrutamos todos xuntos aprendendo como utilizar as TIC para aforrar enerxía e ser máis eficientes e cales son as fontes de enerxía máis limpas.
Da xornada de hoxe non temos moitas imaxes porque, como novidade, estamos a preparar un vídeo!


martes, 7 de febrero de 2012

Estudantes de Cangas e de Pontecaldelas visitan EficienTIC



Esta mañá, 100 alumnos de centros de Pontecaldelas e de Cangas do Morrazo visitaron as actividades de EficienTIC. Coma noutras xornadas, visitounos tamén un equipo de A Revista da TVG. Esta vez conectamos en directo! Mirade aquí que ben o fixeron todos eles. Saimos ao inicio do programa e despois no minuto 41.00.
Aquí vos deixamos as fotos!


jueves, 2 de febrero de 2012

EXPERIMENTANDO PARA SER MÁIS EFICIENTES







·         Esta mañá, un nutrido grupo de alumnos dos centros IES María Casares de Oleiros e do Santo Tomé Freixeiro de Vigo puderon experimentar con tecnoloxía eficiente

·         Recibiron consellos e instrucións de investigadores dos centros EnergyLab e Gradiant

·         CITEXVI (Cidade Tecnolóxica de Vigo), GRADIANT (Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia) e ENERGYLAB (Centro Tecnológico de Eficiencia y Sostenibilidad Energética) organizan EficienTIC, unhas xornadas de divulgación dirixidas a estudantes de secundaria e Bacharelato de toda Galicia
                          
·         As actividades inclúen demostracións e visitas guiadas, completadas con obradoiros, para aprender cómo utilizar a tecnoloxía que nos rodea do xeito máis eficiente posible e como esta mesma tecnoloxía pode axudar ao medio ambiente, como as enerxías renovables poden alimentar as nosas máquinas ou como facer funcionar aparatos sen estar conectados á rede eléctrica.

·         A organización espera que as actividades “sirvan para achegar aos rapaces á ciencia e á tecnoloxía e que fagan súas ferramentas que permiten un aforro enerxético considerable”. As xornadas están cofinanciadas pola FECYT.

Unha xornada máis, dous grupos de estudantes de diferentes centros galegos visitaron as instalacións de CITEXVI para participar nas charlas e obradoiros que as entidades CITEXVI, Gradiant e EnergyLab organizan.

A través dunha pequena charla e varios obradoiros que se desenvolven ao longo de toda a mañá, os rapaces poden comprobar como segundo a forma de utilización dos dispositivos e os costumes no fogar ou na escola, pódese non só axudar a reducir as emisións de CO2 á atmosfera ou coidar o medio, senón tamén chegar a aforrar un bo diñeiro a final de ano: “Vou facer todo iso na casa, e co que aforren meus pais, hei mercar unha Play Station”, comentaban algúns, vendo as posibilidades de aforro.




Como obxectivo secundario, espertar vocacións e guiar aos rapaces e rapazas

Ao mesmo tempo que experimentaban e aprendían, algún confesaba a súa vocación de enxeñeiro de telecomunicacións, comprobando divertido a grande variedade de aplicacións que podería chegar a desenvolver cos coñecementos que lle aportaría a carreira. Outros, mostrábanse máis tímidos descubrindo algunhas posibilidades e saídas que as carreiras técnicas lles poden aportar. Os investigadores de ambos centros tiveron que responder a moitas dúbidas durante os obradoiros, sobre o que estaban facendo e sobre as súas respectivas carreiras, tratando de guiar a estes alumnos que nun ano terán que escoller onde continúan os seus estudos.

Aquí tedes unhas cantas fotos