martes, 4 de octubre de 2011

O ataque do móbil pataca!

O seu plan é volver ao século XXI e acabar coa eficiencia enerxética e tecnolóxica!

Contraataca á tecnoloxía obsoleta. Ven coa túa clase ás charlas e talleres de Eficientic en CITEXVI


Que é EficienTIC?

O proxecto de divulgación científica EficienTIC é un conxunto de actividades e talleres dirixidos a escolares de ESO e Bacharelato dos centros escolares galegos, coa fin de difundir e divulgar os conceptos básicos e as tecnoloxías máis innovadoras das áreas nas que traballa EnergyLab (Centro Tecnolóxico de Eficiencia e Sostenibilidade Enerxética) e Gradiant (Centro Tecnolóxico das Telecomunicacións de Galicia), que son as áreas das tecnoloxías de Información e Comunicacións (TIC) e a da eficiencia enerxética.


Estes dous centros están situados en CITEXVI (Cidade Tecnolóxica de Vigo). As súas instalacións se caracterizan por estar deseñadas con criterios bioclimáticos e que integran tanto enerxías renovables como tecnoloxías punteiras no sector TIC.


As actividades

1. Charla introductoria: Aspectos fundamentais sobre as TIC e a eficiencia enerxética.

  • ---> Qué son as TIC?
  • ---> Contamina Internet? E o meu ordenador? Medidas para reducir as emisións relacionadas coas TIC
  • ---> Que poden facer as TIC en canto ao coidado do medio? 

  • ---> O concepto de enerxía
    • ---> Que son as enerxías renovables. Tipos de enerxías renovables
    • ---> O concepto de eficiencia enerxética. Eficiencia Enerxética no fogar

2. Visita guiada ás instalacións de CITEXVI 

Mostraranse as tecnoloxías que se están a utilizar no edificio e que constitúen exemplos prácticos tanto de enerxías renovables como eficientes, coma a xeotermia, paneis solares, biclimatismo ou iluminación eficiente.

CITEXVI non é só un edificio avanzado. Ademais é un complexo sistema bioclimático que permite a reducción de consumos e xerar a súa propia enerxía.  Todo isto parte do deseño do edifico, aplicando tecnoloxías pasivas como a dobre pel exterior, permitindo o aproveitamento das sombras e a ventilación natural na fachada.

Pero ademais dos sistemas pasivos, presenta medidas activas, como a climatización a partir da terra, mediante a instalación de bombas de calor xeotérmicas, altamente eficientes, os sistemas de xeración fotovoltaica na cuberta do edificio, que permiten a xeración da enerxía.

A visita desenvolverase explicando a estructura da edificación e facendo especial indicendia nos elementos da instalación xeotérmica de climatización e do sistema de xeración fotovoltaico. Os asistentes poderán identificar os distintos compoñentes que conforman ambas instalacións.

Mais todo iso non sería posible sen un sistema de xestión intelixente que optimiza consumos e xeración.

3. Talleres

Os alumnos poderán realizar diferentes actividades e experimentos da man dos profesionais de EnergyLab e Gradiant, nos que poderán ver de forma práctica e participativa diferentes conceptos:

Análise de illamento

O illamento nas vivendas é un factor importante para a redución dos consumos enerxéticos de calefacción. Con esta pequena demostración, os alumnos poderán analizar a comparativa entre os distintos elementos que constitúen unhas fachadas, como son os vidros das xanelas, ou as paredes? Poderase observar de forma instantánea a transmisión de calor nos devanditos materiais e as perdas de calor que se suceden nunha vivenda.

Para isto, aproveitarémonos das características dunha cámara de vídeo termográfica que permite ver os focos quentes e fríos dunha carama climática nunha escala de cores.
Nesta cámara climática instalaranse probetas de diversos materiais típicos dunha vivenda, como son as ventás de vidro simple, de vidro dobre, paredes sen illamento e con illamento, e poderán ver como afecta o illamento na transmisión da calor dunha zona da cámara á outra.
Ademais, cunha breve explicación, poderán valorar e observar en situ, a verdadeira influencia dos illamentos.

Como complemento, coa cámara poderase analizar o illamento do edificio actual.

Sistema de hidróxeno

O hidróxeno é o futuro combustible, pero para a súa xeración, é necesario o uso de enerxía eléctrica, por iso é polo que se considere un combustible renovable se esta enerxía provén de fontes renovables. Coa actividade presentada, os alumnos poderán observar a pequena escala, cómo grazas á luz, se pode xerar hidrogeno e usalo para alimentar un ventilador.

Disporase dun sistema mediante o cal cunha lámpada se xerará enerxía en pequenos paneis fotovoltaicos que permiten obter a enerxía eléctrica necesaria para a xeración de hidróxeno a partir da auga. Unha vez obtido o hidróxeno, poderase observar como ao paso por unha pila de hidróxeno, xeraríase electricidade para mover un ventilador.

Con todo este xogo, poderán observar, a xeración eléctrica mediante enerxías renovables, a transformación da enerxía en hidrogeno e o uso deste para o movemento dun ventilador.


Iluminación

Nunha vivenda, o consumo da iluminación, supón un 35%. Por iso, o ter conciencia da eficiencia enerxética é de vital importancia. Con esta actividade os alumnos poderán observar as distintas tipoloxías de iluminación que existen, así como observar como afectan os pequenos xestos que se poden facer e os controis do futuro, como sensores de luz, etc.,

A actividade desenvolvésese grazas a un panel onde estarán dispostos as lámpadas e os distintos sistemas de control. Disporanse de pantallas onde se poderá observar a variación da iluminación cos distintos controis.


Scalextric

A xeración de enerxía é moi variada, pero pódese xerar da forma máis divertida con esta actividade. Nela, producirase enerxía eléctrica mediante o pedaleo dunha bicicleta e esta enerxía será suficiente para alimentar un Scalextric. Ademais, grazas á intensidade do pedaleo, o coche do Scalextric, poderá ir máis ou menos rápido, co que se lle engadimos catro competidores, poderemos celebrar o "Gran Prix Bike" entre catro alumnos.

A actividade desenvolvésese sobre unha bicicleta montada de xeito que estea estática, coa roda conectada aos dinamómetros, que permitirán obter a enerxía suficiente para alimentar ao Scalextric.
Esta enerxía canalizarase a través do sistema de conexión e grazas á intensidade de pedais, o alumno poderá acelerar ou decelerar o vehículo, como se realiza actualmente no mando do xogo, pero esta vez coa súa intensidade de pedalear.
Un xogo divertido e didáctivo que fará ver aos alumnos como o seu movemento permite a xeración eléctrica suficiente como para xogar e competir.


Consellos para o uso eficiente do computador

Sabemos canta enerxía consumen os nosos computadores persoais? Como é lóxico, este consumo de enerxía carrexa un custo. Este custo pódese reducir realizando accións encamiñadas ao aforro enerxético.

Nesta actividade tratarase o tema do consumo enerxético de PCs e portátiles. O obxectivo é valorar tanto o custo da enerxía que consomen como o posible aforro que se pode alcanzar adoptando determinados hábitos de uso, comprendendo as opcións de configuración de enerxía nos computadores ou utilizando software para a xestión enerxética.

"Apagado" automático

Xa sexa traballando ou dedicado a lecer, cada vez temos o computador aceso durante máis horas ao día. Con todo, non estamos a atender á pantalla durante todo ese tempo, ben porque estamos compatibilizando con outras tarefas como lectura ou escritura en papel, ben porque nos levantamos a facer outra cousa ou simplemente estamos a falar con alguén e non estamos a prestar atención á pantalla.

As tecnoloxías de recoñecemento e procesado facial están cada vez máis presentes nas nosas vidas (etiquetaxe de caras en Facebook ou Picasa, controis de acceso, etc.). Por que non aproveitalas tamén para aforrar enerxía? Nesta actividade mostrarase un exemplo de aplicación de tecnoloxías de detección facial para aforrar enerxía na nosa pantalla. Os alumnos poderán comprobar como a pantalla do computador se comporta de maneira intelixente, acendéndose cando a estamos mirando e apagándose cando non estamos diante dela


Fabricación e consumo de teléfonos móviles

O consumo actual de teléfonos móbiles mantén funcionando unha potente industria de telecomunicacións, grazas á universalización do servizo, unha constante mellora nos terminais  e unhas tarifas aceptables pero suculentas para as operadoras. Todo iso  promove e subvenciona a adquisición de terminais moi baratos, ás veces a custo cero, ou moi por baixo do seu custo de produción (a operadora recupérao coa facturación mensual). Isto lévanos a cambiar de móbil cada 2 anos, ou mesmo menos. Así, só en España,  millóns de móbiles quedan obsoletos todos os anos. A súa reciclaxe (condensadores de Tántalo, ouro), ou destino a países cunha demanda menor de prestacións (2ª vida) podería abrir importantes oportunidades de negocio e evitar o sen sentido actual que desperdicia tantos terminais perfectamente válidos.

Nesta actividade, na que poderemos ver multitude de modelos de móbiles que funcionaban perfectamente fai uns poucos anos e os seus circuítos electrónicos, pretendemos tomar consciencia do hiperconsumo de telefonía móbil que temos, desperdiciando moitos recursos aínda útiles.


Energy Harvesting

Nesta actividade veremos como se pode usar a calor desperdiciada por unha vela (da orde de 100 W) para producir corrente, que será usada para acender un moderno LED de potencia de alta eficiencia e unha radio. Curiosamente, esta calor xerada pola vela, é practicamente o mesmo que o que xera unha persoa en repouso.
O caso do LED é moi visual, porque mentres unha vela produce luz cun rendemento de 0,17 Lumenes/W, un LED pódeo facer cun rendemento case 1000 veces superior, a uns 160 Lúmenes/W. Isto compensa o baixo rendemento dun conversor termoeléctrico Peltier, de en torno ao 1%, para finalmente producir 10 veces máis luz que a propia vela.

Así, cun LED de potencia de 3€, unha célula Peltier de 3€ e un disipador de aluminio de 1€, poderiamos fabricar un candelabro tecnolóxico de alto rendemento para lugares remotos como Siberia ou a estepa mongola, onde as baterías se conxelan e deixan de funcionar, pero onde sen embargo a graxa animal é abundante para fabricar velas.

Este tipo de fontes de enerxía (Energy Harvesting) son moi útiles para alimentar as redes de sensores remotas sen mantemento.


Para inscribirse: info@energylab.es ou chamando ao 986 120 450. Se nos escribes un email, lembra incluir os datos do centro, o número de alumnos que participarían e un teléfono de contacto.

Lembra que a participación nas nosas actividades é gratuita. Estas actividades contan coa cofinanciación da FECYT e do Ministerio de Ciencia e Innovación.



1 comentario:

  1. Después de leer con esmero e interes este artículo tan bien escrito, me gustaría ir con mi colegio a esta actividad.
    Voy a proponer a mi profesora esta visita, y ya os comentaré.
    Espero veros muy pronto.
    Un saludo desde el Colegio

    ResponderEliminar